Tuesday 17 de September de 2024

O goberno de Sanmartín deu luz verde a máis de 80 vivendas protexidas ou públicas este ano


O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, defende a aposta deste goberno por ampliar a oferta de vivenda protexida, incrementar o parque de vivenda pública e, ao mesmo tempo, rematar as pezas urbanas que están incompletas, como no caso do Castiñeiriño, Lamas de Abade ou Castro de Abaixo.
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2024.- O goberno de Santiago de Compostela que preside Goretti Sanmartín concedeu licenza a un total de 83 vivendas de promoción pública ou de protección autonómica no que vai de 2024. A esta acción, hai que engadirlle que favorecerá a construción doutras 36 vivendas de promoción pública coa cesión á Xunta de dúas parcelas no SUNP-22 do Castro de Abaixo, unha actuación para a que o Concello xa remitiu a documentación solicitada á Administración autonómica.

O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, defendeu a aposta deste goberno por ampliar a oferta de vivenda protexida, incrementar o parque de vivenda pública e, ao mesmo tempo, rematar as pezas urbanas que están incompletas, como no caso do barrio do Castiñeiriño, Lamas de Abade ou no Castro de Abaixo, baixo a premisa “facer vivenda, facendo cidade”, en palabras do concelleiro.
“Non é só ampliar a oferta de vivenda protexida, que é moi importante, senón que tamén se trata de rematar as urbanizacións que están incompletas dende hai anos”, subliñou o concelleiro de Urbanismo sobre este extremo. Lestegás, ademais, pon o foco en cuestións como a consecución dunha cidade “compacta” e na rehabilitación de vivenda, como un dos aspectos prioritarios da acción de goberno.

En canto ás licenzas de vivenda de protección autonómica (VPA), o goberno local concedeu este ano licenzas para construír un edificio de 20 vivendas deste tipo en dúas parcelas do Restollal. Ademais, esta promoción incluirá 22 vivendas libres, catro oficinas, garaxes e rochos.

A estas 20 vivendas de protección autonómica, súmanse 15 máis autorizadas no mes de abril na rúa Alfredo Vicenti (nunha parcela cuxa transmisión se autorizara previamente) e outras 12 VPA na rúa Federica Montseny, neste caso autorizadas en xullo deste ano.

Vivendas de promoción pública

No que vai de ano, o concelleiro de Urbanismo elevou ás reunións de goberno a autorización de outras 36 vivendas de promoción pública, entre o mes de xuño e xullo, nas rúas Constantino Limia Nogueira e Virxe Branca.

No marco da colaboración institucional que defende o goberno que preside Goretti Sanmartín, o Concello vaille ceder dúas parcelas urbanizadas (a M4 e M8 do SUNP-22 do Castro de Abaixo) á Xunta. Estas parcelas están situadas nos números 7 e 5 da rúa Syra Alonso, no suroeste da cidade, e teñen 560 m2 e capacidade para, polo menos, 18 vivendas en cada unha delas. Esta cesión pasa por que se constrúa vivenda de promoción pública con protección permanente.
Ademais da cesión gratuíta que fará o goberno local, que xa remitiu a documentación solicitada á Administración autonómica como o propio Lestegás puido confirmar á conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, o Concello bonificará o ICIO.

Transmisión de parcelas

Doutra banda, a xunta de goberno local autorizou a transmisión de tres parcelas destinadas a vivenda protexida no SUNP-12 (Lamas de Abade), tras ser alleadas no seu día do patrimonio municipal.
Estas transmisións están suxeitas tanto a limitación de prezos coma a limitacións de destino e prazos, debendo destinar as vivendas a protección oficial. Ademais da mencionada parcela da rúa Alfredo Vicenti, o goberno local autorizou a trasmisión das parcelas BB11 e BB8.
No SUNP-11, no Castiñeiriño, a xunta de goberno local tamén autorizou (no mes de marzo) a transmisión da parcela BB5, á que se lle deu licenza para construír 12 vivendas de protección autonómica.